Monday 13 de May de 2024

O pobo de Ordes honra a memoria de Ramiro Recouso Liste dedicándolle o seu paseo fluvial


Numerosas persoas asistiron ao descubrimento dunha placa conmemorativa ao veciño e edil nacionalista recentemente finado, e póñenlle o seu nome a un dos espacios públicos máis importantes do municipio
Ordes 28 novembro 2015. O pobo de Ordes volveu a honrar a memoria de Ramiro Recouso Liste, veciño e concelleiro nacionalista falecido o pasado mes de outubro. O ata o de agora coñecido como paseo fluvial congregou a un bo número de veciños, veciñas, compañeiros de partido, de corporación e familiares para descubrir un monolito cunha placa conmemorativa.
Dende hoxe este espazo de ocio e distendimento, un dos máis importantes para os habitantes de Ordes, pasa a chamarse paseo de Ramiro Recouso Liste. Satisfácese así unha petición popular realizada en distintos círculos de poñerlle o seu nome a algunha rúa ou espazo público. Unha solicitude que xa en sesión plenaria extraordinaria aceptaron todos os grupos o mesmo día que Recouso Liste cumpriría 48 anos. Entre os asistentes, ademais dos tres concelleiros do BNG de Ordes, tamén estaban outras figuras ben coñecidas do nacionalismo galego como Rubén Cela ou Ana Pontón.
Según manifestou José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, “deste xeito a memoria dun veciño tan importante como Ramiro Recouso Liste estará sempre presente e poderemos lembrarnos del”.

Unha forte pegada
O concelleiro e compañeiro de grupo Pablo Vidal quixo agradecer “a presenza de tantas persoas hoxe aquí”, ademais de dedicarlle unhas palabras especiais “aos que estiveron ao lado de Ramiro e a quenes lle axudaron, especialmente na última fase da súa enfermidade”. Tras isto os asistentes entonaron o himno galego. Finalizado o acto a inmensa maioría non perderon a oportunidade de achegarse ata o monumento como se intentaran volver a estar preto do seu amigo, parente, coñecido, líder ou dese “veciño que deixou unha forte pegada”, tal e como se puido oír.